O DIRECTOR XERAL DE XUVENTUDE NO COLEXIO

Xuventude visita aos participantes dos proxectos de acción voluntaria do centro educativo Divina Pastora de Ourense

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou nun encontro con responsables educativos do colexio
O responsable autonómico indicou que “o principal obxectivo do programa é promover valores de solidariedade, participación, compromiso social e voluntariado entre a comunidade educativa
Cada centro escolar desenvolve con liberdade o seu proxecto solidario, ben a través dun proxecto único, ou ben realizado en colaboración cunha entidade inscrita no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia
Os profesores que queiran desenvolver un proxecto de voluntariado poden inscribirse no curso Aprendizaxe-servizo: unha metodoloxía para formación e a acción voluntaria
Ovidio Rodeiro en Ourense
Ovidio Rodeiro en Ourense

Ovidio Rodeiro en Ourense
Ourense, 21 de xaneiro de 2015.- O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou nun encontro con responsables educativos do colexio plurilingüe Divina Pastora en Ourense, co obxecto de visitar as accións que en materia de acción voluntaria se están levando a cabo no referido centro educativo, que se incorporou este ano ao proxecto de centros solidarios.
O responsable autonómico indicou que “o principal obxectivo do programa é promover valores de solidariedade, participación e compromiso social entre a comunidade educativa (pais, nais, profesorado e alumnado), e favorecer que os escolares se comprometan como voluntarios a través dunha metodoloxía activa e participativa, que fomente o traballo en equipo e achegue ao alumnado a realidade do voluntariado”.
Pretende establecer vínculos entre as organizacións sociais e os centros educativos, e amosar que os mozos e mozas, xa desde a escola ou o instituto “son capaces de ofrecer un servizo valioso e necesario á sociedade”, segundo engadiu Rodeiro.
Cada centro escolar desenvolve con liberdade o seu proxecto solidario ou programa propio de voluntariado, ben a través dun proxecto único que repercute no mesmo centro ou no seu alumnado, ou ben realizado en colaboración cunha entidade inscrita no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. Todos os participantes recibirán un certificado acreditativo da acción realizada, que se inscribirá como experiencia neste Rexistro.
Un total de 1.250 mozos e 90 profesores
Neste curso académico 2014-15, son un total de catorce os centros de ensino que forman parte activa da Rede de Centros Escolares Solidarios. Ademais do centro obxecto da visita, incorporáronse á Rede os seguintes: CPR San Miguel (Vigo), IES Felix Muriel (Rianxo) e o CPR Abrente (Portonovo). En total, participan 1.250 mozos e mozas e 90 profesores.
Por outra parte, está aberto ata o día 19 de febreiro o prazo de inscrición no curso Aprendixaze-servizo: unha metodoloxía para formación e a acción voluntaria, destinado a profesores de centros educativos que lles permita o desenvolvemento de programas de voluntariado entre os alumnos.
O director xeral aproveitou tamén a súa intervención para facer balance no relativo ao voluntariado e indicou que, durante o ano 2014, déronse de alta 12 novas entidades que incorporaron a 162 novos voluntarios, mentres que, durante o período 2011-2014, as altas foron un total de 82, que incorporaron 1.525 novos voluntarios.
Así mesmo, apuntou que a Dirección Xeral conta cun plan de formación anual consensuado coas entidades de acción voluntaria que permitiu impartir en 2014 un total de 33 cursos para máis de 12.000 alumnos. Tamén destacou o Servizo de Voluntariado Xuvenil, un programa pioneiro en España para mozos e mozas de entre 16 e 30 anos no que, en 2014, participaron 711 voluntarios en 122 proxectos.

0 comentarios: